viernes, 27 de noviembre de 2015

Falece o escritor galego Xosé Neira Vilas (1928-2015)

Falece na súa casa de Gres aos 87 anos de idade o autor de Memorias dun neno labrego, o primeiro "best seller" galego, e unha abundante produción literaria.
 


Biografía:
 Xosé Neira Vilas naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música, xornalismo, literatura. Toma conciencia da identidade de Galicia, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director do periódico Adiante. Participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización libreiro-editorial "Follas Novas" para difundir o libro galego en América. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia (escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.
Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. Premio da Crítica Española (narrativa) e Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Parte da súa obra foi traducida a outras linguas.

(Fonte: http://www.bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XosNeira&alias=Xos%E9+Neira+Vilas&solapa=biografia )

No hay comentarios:

Publicar un comentario