Onte, luns 22 de
febreiro, visitounos Eva Rajo Iglesias, dentro
do proxecto de investigación, “Explorando Monforte”, promovido e coordinado pola biblioteca do
centro.
Sentímonos
impresionados pola sinxeleza, claridade e proximidade coa que unha científica
de renome a nivel internacional nos falou da apaixonante vida dunha muller científica, colaborando
dunha forma totalmente altruísta na difusión e aproximación dos valores
científicos e do acceso ao coñecemento a alumnos de primaria.
Comezou a súa
exposición presentándose como unha nena de Monforte que a súa idade estudaba no colexio Divina Pastora (hoxe Torre
de Lemos) e logo estudaría Bacharelato no Instituto (hoxe Río Cabe). Posteriormente decide
estudar Enxeñería de Telecomunicacións na Universidade de Vigo porque “nese momento estaba de moda e lle gustaban moito as
matemáticas”; rematada a licenciatura realizará o proxecto de fin de
carreira en Toulouse, Francia, e posteriormente, durante 6 anos, o doutorado
na Universidade Carlos III de
Madrid. Dende febreiro de 2004 é
profesora titular no departamento de Teoría
de la Señal y Comunicaciones de la Universidad Carlos III (funcionaria
dende 2008).
Tras unha breve exposición da súa formación académica (sempre vixente),
continúa coa súa dobre faceta profesional: como docente (profesora de Universidade) e investigadora destacada.
Durante a charla
puidemos comprobar como a súa actividade docente e investigadora está vinculada
ao ámbito da Radiofrecuencia (Campos .Electromagnéticos, Antenas…). As súas
liñas de investigación están relacionadas con antenas impresas, estruturas
periódicas, superficies artificiais e metamateriaies, así como con optimización
en electromagnetismo, en definitiva antenas máis lixeiras e cada vez mellores para as novas
aplicacións.
En todo momento
tratou de incentivar nos oíntes a importancia de ser un estudante responsable e
constante, a importancia do afán de superación, do traballo diario, dun espírito
curioso e creativo, que busque, cos seus inventos ou aportacións, avanzar cientificamente
e mellorar a vida diaria das persoas.
Impresionounos o
seu traballo en colaboración con numerosos científicos de Europa e fora de
Europa , os seus numerosos viaxes polo
mundo, a súa asistencia a conferencias de renome internacional, e a súa
importante labor, en numerosas ocasións premiada, aínda que Eva moi modestamente
non comentou pero que os nosos investigadores sí coñecen: mellores notas no
Instituto, Matricula de honor no Proxecto fin de Carreira, Premio de excelencia
en investigación BBVA, terceiro premio a nivel mundial na competición Bell Labs
Prize –xunto coas súas compañeiras de equipo, as profesoras Matilde Sanchez
Fernandez, Ana García Armada y Eva Rajo-Iglesias que presentaron o proxecto "Unleash the Wireless Power of
your Device: Blended Antenna HUBs for your nconstrained Mobile Cloud Experience
Entre as antenas realizadas ata o momento chamounos
a atención unha antena deseñada para colocar na parte baixa dun avión e que
permite verificar a profundidade da capa de xeo na Antártida, as antenas deseñadas
para ser colocadas en pacientes con marcapasos que permiten ter un seguimento e
reducir as intervencións cirúrxicas, ou unha
antena que se colocou dentro dun bloque de formigón sen que sobresaia nada ao
exterior para poder circular por enriba. Pero sobre todo os nosos alumnos estaban agardando ver a
chamada chaqueta intelixente, unha chaqueta que leva incorporada un bo número
de pequenas antenas e que multiplica por 10 a velocidade de subida de contidos
de dispositivos móbiles. Permite que unha prenda onde se camuflan decenas de
antenas, poda conectarse a calquera unidade móbil para aumentar a súa
velocidade de transferencia de datos, reducir o consumo de enerxía e mellorar a
súa fiabilidade. Ademais tamén podería ter aplicación no sector biomédico.
Unha vez rematada a exposición, tivo lugar unha
fluída quenda de preguntas, que foi dende preguntas científicas a nivel xeral
pero sobre todo especificas ao seu campo de investigación, dubidas por exemplo
de si a chaqueta pode mollarse, e tamén preguntas referentes ao eido persoal
idade, idiomas que fala, … e a
remuneración económica dun científico.
Dende o centro en xeral e, moi especialmente, dende o equipo de
biblioteca e dos titores que traballaron co seu alumnado neste proxecto de
investigación sobre os científicos de
Monforte, queremos agradecer a Eva Rajo Iglesias o esforzo de visitar o noso
centro e a nosa biblioteca, pois coa súa presenza e testemuña altruísta e
científica fixo que fose para todos un
gran día e moi especialmente para o grupo que investigou sobre ela e que non
quixeron irse sen o seu autógrafo.