lunes, 22 de febrero de 2016

Eva Rajo visita Biblioforte - CEIP MONFORTE


Onte, luns 22 de febreiro, visitounos Eva Rajo Iglesias,  dentro do proxecto de investigación, “Explorando Monforte”,  promovido e coordinado pola biblioteca do centro.
Sentímonos impresionados pola sinxeleza, claridade e proximidade coa que unha científica de renome a nivel internacional nos falou da apaixonante  vida dunha muller científica, colaborando dunha forma totalmente altruísta na difusión e aproximación dos valores científicos e do acceso ao coñecemento a alumnos de primaria.
Comezou a súa exposición presentándose como unha nena de Monforte que a súa idade  estudaba no colexio Divina Pastora (hoxe Torre de Lemos) e logo  estudaría Bacharelato no Instituto (hoxe Río Cabe). Posteriormente decide estudar Enxeñería de Telecomunicacións na Universidade de Vigo porque “nese momento estaba de moda e lle gustaban moito as matemáticas”; rematada a licenciatura realizará o proxecto de fin de carreira en Toulouse, Francia, e posteriormente, durante 6 anos, o doutorado na  Universidade Carlos III de Madrid.  Dende febreiro de 2004 é profesora titular no departamento de Teoría de la Señal y Comunicaciones de la Universidad Carlos III (funcionaria dende 2008).

Tras unha breve exposición da súa formación académica (sempre vixente), continúa coa súa dobre faceta profesional: como docente (profesora de Universidade) e investigadora destacada.

Durante a charla puidemos comprobar como a súa actividade docente e investigadora está vinculada ao ámbito da Radiofrecuencia (Campos .Electromagnéticos, Antenas…). As súas liñas de investigación están relacionadas con antenas impresas, estruturas periódicas, superficies artificiais e metamateriaies, así como con optimización en electromagnetismo, en definitiva antenas máis lixeiras  e cada vez mellores para as novas aplicacións.

En todo momento tratou de incentivar nos oíntes a importancia de ser un estudante responsable e constante, a importancia do afán de superación, do traballo diario, dun espírito curioso e creativo, que busque, cos seus inventos ou aportacións, avanzar cientificamente e mellorar a vida diaria das persoas.
Impresionounos o seu traballo en colaboración con numerosos científicos de Europa e fora de Europa , os seus numerosos viaxes  polo mundo, a súa asistencia a conferencias de renome internacional, e a súa importante labor, en numerosas ocasións premiada, aínda que Eva moi modestamente non comentou pero que os nosos investigadores sí coñecen: mellores notas no Instituto, Matricula de honor no Proxecto fin de Carreira, Premio de excelencia en investigación BBVA, terceiro premio a nivel mundial na competición Bell Labs Prize –xunto coas súas compañeiras de equipo, as profesoras Matilde Sanchez Fernandez, Ana García Armada y Eva Rajo-Iglesias que presentaron o  proxecto "Unleash the Wireless Power of your Device: Blended Antenna HUBs for your nconstrained Mobile Cloud Experience", etc.  A todo isto hai que sumar, entre outras cousas, o seu importante papel como escritora en numerosas revistas científicas de renome mundial.

Entre as antenas realizadas ata o momento chamounos a atención unha antena deseñada para colocar na parte baixa dun avión e que permite verificar a profundidade da capa de xeo na Antártida, as antenas deseñadas para ser colocadas en pacientes con marcapasos que permiten ter un seguimento e reducir as intervencións cirúrxicas,  ou unha antena que se colocou dentro dun bloque de formigón sen que sobresaia nada ao exterior para poder circular por enriba. Pero sobre todo  os nosos alumnos estaban agardando ver a chamada chaqueta intelixente, unha chaqueta que leva incorporada un bo número de pequenas antenas e que multiplica por 10 a velocidade de subida de contidos de dispositivos móbiles. Permite que unha prenda onde se camuflan decenas de antenas, poda conectarse a calquera unidade móbil para aumentar a súa velocidade de transferencia de datos, reducir o consumo de enerxía e mellorar a súa fiabilidade. Ademais tamén podería ter aplicación no sector biomédico.



Unha vez rematada a exposición, tivo lugar unha fluída quenda de preguntas, que foi dende preguntas científicas a nivel xeral pero sobre todo especificas ao seu campo de investigación, dubidas por exemplo de si a chaqueta pode mollarse, e tamén preguntas referentes ao eido persoal idade, idiomas que fala, …  e a remuneración económica dun científico.



Dende o centro en xeral e, moi especialmente, dende o equipo de biblioteca e dos titores que traballaron co seu alumnado neste proxecto de investigación  sobre os científicos de Monforte, queremos agradecer a Eva Rajo Iglesias o esforzo de visitar o noso centro e a nosa biblioteca, pois coa súa presenza e testemuña altruísta e científica  fixo que fose para todos un gran día e moi especialmente para o grupo que investigou sobre ela e que non quixeron irse sen o seu autógrafo.


Grazas Eva!!